30/04/24

Trofeos e ascenso

Este luns tivemos tres noticias:

Por un lado chegaron os trofeos que imos dar en varios dos torneos do noso XXX Aniversario.

Ademais confirmamos a data para un torneo mais no Campus de Ferrol; será en Cariño o 13 de xullo.

Por outra banda a web da federación Galega de Xadrez indica que cos resultados actuais o CIDU-INCUDE subiría de división.

Un bó agasallo para o noso aniversario este mércores.

Vémonos!

28/04/24

Inicio de Maio

Estamos rematando abril e o día 1 teremos o Torneo do Aniversario no Sporting Club Casino, que será o primeiro dunha serie de polo menos cinco torneos que realizaremos este ano en distintas localidades.

Na mesma semana o sábado 4 teremos a fase final do Xogade da Xunta. O noso único equipo inscrito, o CIDU Infantil gañou tanto na fase local da Coruña como na fase intercomarcal de Carballo e chega agora a Santiago onde loitarán os catro mellores equipos da provincia. É de destacar que xogamos cun equipo de so catro xogadores que disputaron todas as partidas nas distintas fases e na que un deles é de categoría inferior e outros dous comezaron a xogar aínda non hai un ano.

Tamén o sábado 4 INCUDE estará presente no Día da Ciencia, onde xa sabedes que se monta un taboleiro xigante de xadrez e se realiza un torneo.

E todo isto mentres no mesmo día o noso equipo principal na Liga Galega de Xadrez xoga a penúltima xornada da Liga aínda co desexo de subir de categoría.

Boa semana!

27/04/24

Campións en infantil

Hoxe dous dos nosos equipos xogarán encontros na Liga Galega de Xadrez coa vista posta nun posible ascenso das súas categorías.

Hai unha semana o noso único equipo en Xogade, o CIDU INFANTIL, logrou quedar no primeiro posto no torneo intercomarcal celebrado en Carballo e no que tomou parte tras ser o campión en Coruña.

O CIDU foi primeiro, por diante do Arteixo, o Xadrez das Mariñas (no que ademais participaban xogadores nosos cedidos) e o Carballo.

O equipo estivo integrado por Gonzalo, Franco, Sergio e Adrián.

Con este resultado o CIDU é a única entidade da cidade da Coruña que ten clasificado un equipo para a fase a celebrar en Santiago o 4 de maio cos catro mellores conxuntos da provincia. 

26/04/24

XXX ANIVERSARIO

O día 1 o noso club cumple 30 anos e abre a serie de torneos que formarán a Combinada-Maratón deste ano. Agardamos que os Torneos de Aniversario sexan do voso interese.

En 1994 seis universitarios e un profesor promoveron a creación do Club de Iniciativas Deportivas Universitarias

Para a actividade imos contar co apoio da nosa entidade matriz; a asociación de estudantes da UDC INCUDE e tamén do Sporting Club Casino que nos deixará empregar as súas instalacións unha vez mais. Igoalmenmte agardamos contar coa axuda anual da Deputación da Coruña. A todos eles expresarlles o noso maior agradecemento.

BASES DO TORNEO ANIVERSARIO.

DATA: 
Mércores 1 de maio de 2024.

LOCAL DE XOGO:
Salóns da 1ª Planta do Sporting Club Casino.
Rúa Real 83 - A Coruña

HORARIO:
Presentación: 16,30-16,50
1ª Rolda: 17,00
2ª Rolda: 17,30
3ª Rolda: 18,00
4ª Rolda: 18,30
5ª Rolda: 19,00
Entrega de trofeos estimada: 19,30 a 20,00.

SISTEMA DE XOGO E RITMO:
Xogarase por sistema suizo a cinco roldas.
O ritmo será de 15' + 3''
Non se dará tempo extra polas xogadas ilegais.

DESEMPATES:
Os sistemas de desempate serán sorteados tras a derradeira rolda.

XOGADORES E CATEGORÍAS:
Poderán participar calquera xadrecista que teña licencia federativa en vigor. 
Os participantes do torneo xogarán nas seguintes categorías dacordo a súa idade:

Sub8 ou Prebenxamin. Nados en 2016 ou seguintes.
Sub10 ou Benxamin. Nados en 2014 e 2015.
Sub12 ou Alevín. Nados en 2012 e 2013.
Sub14 ou Infantil. Nados en 2011 e 2010.
Absoluta. Nados en 2009 ou anteriores.

PREMIOS
Trofeo para os tres primeiros clasificados de cada grupo.
Libro e pequeno agasallo para todos os asistentes.
Medalla para todos os participantes sub14.

Para a entrega dos premios será obrigatorio a asistencia ao acto de clausura e entrega de premios.

COTAS E INSCRICIONS
Os primeiros torneos do Aniversario terán unha pequena cota no mes de maio, mentres que os xa programados para xuño e xullo serán de balde.
A participación neste torneo será de 5 euros. 
O máximo de participantes será de 80.
A data tope para anotarse será o martes 30 de abril.
Os xogadores participantes terán preferencia na inscrición dos demais torneos do Aniversario.
A inscrición realizarase mediante o seguinte formulario electrónico:


OUTROS TORNEOS DO ANIVERSARIO
En 2024 seguiremos coa liña de ampliar os torneos do aniversario, os participantes en cada torneo contarán para unha proba combinada.
Outros torneos previstos actualmente e que agardamos duplicar:
TORNEO DIA DAS LETRAS GALEGAS. 17 de maio. Válido para ELO FIDE en ritmo lóstrego.
TORNEO ODEÓN (Narón). 29 de xuño. Válido para ELO FIDE en ritmo lóstrego.
TORNEO ASALTO AO CASTELO (Vimianzo). 6 de xullo. Válido para ELO FIDE en ritmo lóstrego.
TORNEO EN CARIÑO. 13 de xullo. Torneo por categorías.

CONSIDERACIONS FINAIS

Advertencia 1: Os participantes nas probas autorizan a publicación dos seus datos persoais nos diferentes medios que a organización considere oportunos para a necesaria difusión do evento (resultados, clasificacións, participantes... etc.) así como a súa presencia nas fotos realizadas cos mesmos propósitos.

Advertencia 2: Para o mellor funcionamento do Torneo os organizadores poden ampliar as bases do mesmo antes da celebración da proba.

A participación leva aparellada a aceptación destas normas.

22/03/24

Liga e Xogade

Remataron os xogos escolares na Coruña e Cambre. Dominio dos nosos representantes en categoría infantil. Na Coruña o noso único equipo inscrito foi o infantil (aínda que tivo participación de xogadores en categoría alevín) que logrou clasificarse tras venver aos representantes da Escola Técnica de Xadrez. Na zona de Cambre parte dos nosos xogadores e alumnos formaron parte do Xadrez das Mariñas, como en anos anteriores, a sorte non nos acompañou nas categorías benxamín e alevín pero na categoría infantil tamén quedaron primeiros.

En Cambre no Torneo Sub8 que era individual o campión foi otro rapaz das nosas escolas de xadrez.

Así que estamos bastante satisfeitos da nosa actuación.

Temos por siante dous sábados sen liga de xadrez e despois retomaremos a Liga, que remata en maio ou abril, segundo o equipo.

Hoxe venres estaremos dende 19,30 no Centro Universitario de Riazor.